NO COLEXIO

NO COLEXIO
Mosaico

lunes, 8 de marzo de 2010

Auga

A auga é un elemento de grande limpeza que segundo o seu estado pódenos liberar das enfermidades cutáneas (orballos), dos malos espíritos (auga bieita), e mesmo posúe poderes fecundativos (auga mariña). Só hai un tipo de auga refugada e que o saber popular soubo callar perfectamente ao dicir: "A chuva de Sanxoán, tolle o viño e non colle pan".

Nesta noite avívase e colle maiores virtudes a auga das fontes santas e milagreiras. Nesta noite esa auga vólvese como un remedio universal que compre aproveitar meténdose nela ou, sinxelamente, lavándose ás doce en punto da noite. Os doentes van tomar os baños a elas, sempre con coidado das bruxas e aparecidos.
O malo é que tamén as bruxas usan a auga destas fontes. Miden e reparten a auga de cada veciño, mais se queren mal a algún bótanlle a auga polo lombo. Outras veces lévana para prepararen os seus meigallos. Tamén din que se ao mencer tocan na auga, descobren os seus segredos e quedan limpas da bruxería. Non son somentes as bruxas das que din que andan soltas nesta noite milagreira senón tamén os feitizos, moitos dos cales non se deixan ver máis que na amañecida de Sanxoán. Por esta causa, o doente que vai tomar os baños nestas fontes tén que ter coidado de non se deixar levar do medo que lle poñan os aparecidos que de seguro vai atopar no camiño.
As tradicións populares non asumidas polo cristianismo foron combatidas por Martiño Dumiense, o bispo de Braga no século VI, máis non puido impedir que herdáramos costumes como a de ir por auga emanada de sete fontes para facer o cacho.
Nesta lúa nova de xuño están moi difundidos os baños a partir das doce da noite na auga do mar que, ademáis de purgar, ten propiedades preventivas (rica en iodo) e está impregnada por un senso libidoso de especial influencia nas parellas de noivos, quen adoitaban ir a facer o amor na escuridade nocturnal coa complicidade do luar. Lóxicamente, estes vínculos sexuais incidiron na crenza de que certas ondas do mar teñen propiedades fecundativas.
O caracter fecundador das augas ponse de manifesto sobre todo na tradición do baño das nove ondas, de forte tradición na praia de Lanzada, en Noalla - Sanxenxo. Ademáis de ser un rito manciñeiro e curativo do meigallo, é tamén un rito de fecundidade que fai concebir ás mulleres estériles. Hanse bañar compretamente espidas e as ondas que en realidade teñen valor, asegún dín, non son nove senón sete. O que pasa é que cóntanas de dúas a nove, contando as nove para colleren a onda grande, mais, en realidade, son sete as que toman.
Nun romance popular que data do século XVI, a sábia, que desenmeiga ás que eran víctimas do feitizo das meigas, ordénalles a purificación con estas palabras:
"Ide tomar nove ondasantes de que saia o díae levarédes con voscoas nove follas da oliva".
Noutro país celta, Irlanda, na súa xurisprudéncia disque a distáncia de nove ondas foi a que se estableceu entre inimigos, coma se coidasen que estas fosen abondo para os purificaen dos seus mútuos rancores. E, cousa singular, o primeiro que pronunciou esta sentencia foi o bardo Amergin, que segundo as mesmas lendas viaxou de Galiza a Irlanda.
As mesmas virtudes, e aínda maiores que as da auga desta noite, tén o orballo. Cecáis as das augas, as das herbas, as dos árbores, lles veñan do orballo, como indica a condición de deixar as cousas ó sereo.
Para curar a sarna, durmen os enfermos espidos, no médio do centeo, para colleren o orballo da noite toda; ou métense polas searas molladas á mañanciña, denantes de saír o o sol; ou embórcanse a esa hora na herba dos prados; ou refréganse contra dun carballo ás doce da noite, deixando a roupa pendurada nunha ponla.
O orballo desta noite dá virtudes, ou fai medrar as das herbas manciñeiras polo que, recollidas nese intre, son moito millores. Aínda acontece que o que non teña escrúpulos en se valer das forzas endiañadas pódese facer doadamente, nesta noite, cun demo familiar que o obedeza. Poñendo un lenzo de lamanisco por riba ou por baixo dun fento, atópao á mañá cheo de demos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario