NO COLEXIO

NO COLEXIO
Mosaico

martes, 17 de marzo de 2009

A RUTA DOS MUÍÑOS

Os tesouros do Río Xunco
A RUTA DOS MUIÑOS
(Sargadelos - Rueta)

Por: Mª Paz Rodríguez Silva
Xosé Manuel González-Copa
Durmidos á beira do Xunco, arrolados pola escuma, á sombra dos ameneiros, freixos e pradairos atopamos catorce muíños, catorce historias que imos espertar co fin de que non se perdan na memoria.
Se comezámo-lo percorrido no Paseo dos Namorados, baixando polo Camiño Real, a poucos metros da antiga fábrica de louza está o chamado “Muíño do verniz” por facerse nel os vernices para decora-las pezas. Algúns consideran que a fama da antiga louza debíase sobre todo ós vernices. Co paso do tempo Taladriz tirou este muíño e construiu unha central eléctrica, que recollía a auga na presa situada por detrás da Casa da Administración.
Unha fermosa ponte de pedra, cos seus correspondentes aliviadoiros, represaba a auga necesaria para os “Muíños de Pernán” tamén chamados “Muíños da Fábrica” por dedicarse a moer só para a xente que traballaba na fábrica e para os habitantes de Sargadelos. Consta de catro muíños cun enorme cubo situado na parte traseira da vivenda, característica pouco común nos muíños galegos.
O muíño do camiño do Rato está na marxe dereita do río,xusto por riba da presa do Mornelo. Non se aprecia cubo, se o tiña. Por atoparse a un nivel alto respecto ó río supoñemos que se podería surtir do regato dos prados situados máis abaixo da Pía do Xunco, aspecto que ninguén nos soubo aclarar.
O “Muíño do Mornelo”, aínda hoxe en perfecto estado, recibe o caudal por unha longa canle, na marxe esquerda, dende a presa do Rato. Chamáronse os “Muíños do Crego” e sabemos que Gradaille, cando veu para Cervo nas datas de construcción da estrada xeral, mercou este muíño. Moi preto do núcleo de Cervo forma conxunto coa súa panadería, lavadoiro, ponte e unha paisaxe poética.
Onde hoxe está situado o pub “O muíño” funcionou ata hai poucos anos o “Muíño da Ponte”, construído polo Sr. Díaz, alférez, que tamén construiu a primeira capilla da igrexa de Cervo. Tamén foi propietario e ampliouno D. Xosé Ron, cura que viviu na casa que aínda conserva a capela do San Antonio no Paraño. É coñecido polo “Muíño de Benito” por ser este o seu último muiñeiro, a quen vemos na foto manexando o volante para regula-la moa co fin de face-la fariña máis ou menos fina. Moía principalmente para Espiñeirido e Cuiña.
O “Muíño das Quintas”, feito por Correa, director da fábrica de Sargadelos na época de Ibáñez, en principio foi particular, máis tarde público moendo sobre todo para a Aldea (Cervo).
Na Fionza atopamos o “Muíño da Rubia” que moía preferentemente para Burela. Tiña vivenda para o muiñeiro e a súa familia.
Moi preto do anterior, pero á marxe dereita, están os “Muíños de Piñón” tamén chamados de Alexos. Eran bastante rápidos, o que permitía agardar pola muiñada.
Pasada a ponte da Salgueiriña, en Figuerido, atopamos os “Muíños do Cubano” situados nunha mesma canle, un a continuación do outro. Tiveron moita actividade, repartindo por Burela en cabalo ou en mula o moído.
O “Muíño de Pagadelo” era de rolda entre os seus propietarios de Daián. Era coñecido co nome de “Muíño do Piricaino”.
Poucos metros máis abaixo, tamén á esquerda, quedan restos do “Muíño do Saldoiro”. Era de rolda no que se deixaba a moer ata o día seguinte sen atendelo ninguén. Contan a anécdota que, en época de moita fame, unha noite desapareceu a fariña dun dos propietarios. No seu lugar estaba unha nota que dicía: ”A necesidade carece de lei, para o ano que vén xa cho devolverei”.
Ó ano seguinte apareceu a mesma cantidade.
Existen versións contradictorias deste feito situandoo algunhas personas no “Muíño de Ramiro”, moi preto de Rueta.
Tódolos muíños nomeados tiñan unha estructura básica similar á da figura.
Presentan certas diferencias nas culleres do rodicio, que podían ser en madeira ou en ferro, no número de moas, etc.
As pedras inferiores ou fixas, chamadas pé, eran de pedra do país feitas a maioría co granito de Pena Roma, en Daián. Aínda se atopan hoxe pedras que escacharon ó facelas en diversos lugares deste monte. A pedra volandeira ou capa, que xiraba sobre a fixa, era feita de distintos granitos según fose para facer fariña de trigo, centeo ou millo. Se era para trigo (muíño albeiro, coma o “Muíño de Pagadelo”) traíanas de fóra porque a pedra do país sacaba unha fariña máis escura.
Unha das tarefas máis delicadas para o bo funcionamento do muíño era o picado das moas que só o facían determinadas personas como Aleixos de Daián que picaba máis bravo (o tragante) hacia o centro e máis fino cara os bordes (o repaso) .
As xentes das parroquias que moían nestes catorce muíños mostraban as súas preferencias polo tipo de fariña que obtiñan ou pola cantidade de maquía coa que se quedaba o muiñeiro.
Arredor dos muíños existe toda unha cultura, lendas, muiñeiras, amoríos, etc. que agardamos sexa recollida noutros traballos que sirvan de complemento a este.
Queremos agradecer a tódalas personas de idade que fixeron un esforzo de memoria, en especial a Federico da Taberna, Manola de Villares (Quintas), Atilano, Laureano, Esther e Leonor (Daián), Piñón e a súa dona ( Paraño), Luz-nai de Amable (Fionza),... e a todos aqueles que aínda sexan capaces de imaxinar e sentir o balbordo da auga pasando polos rodicios dos muíños do recordo no noso Concello mentres escoitan unha muiñeira:
“Fun esta noite ó muíño
non moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo,
iso foi o que ganei.”

Toda esta fermosura
Imos deixar que se perda?

4 comentarios:

  1. Parabéns por este novo blog que promete ser moi interesante.
    Saúdos dende Pontedeume-Andrade
    Feliz andadura pola blogosfera!!!

    ResponderEliminar
  2. No blog da biblioteca acabo de deixar un agasallo para caixa de cousas, pasa por alí para recollelo

    ResponderEliminar
  3. Ola, esta vez espero que poidas recoller o premio que o blog da biblioteca vos concede polo uso que facedes das TICS. Visitádeo para pioder recollelo.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  4. Moitas gracias, imos aprendendo pouco a pouco. :)

    ResponderEliminar