NO COLEXIO

NO COLEXIO
Mosaico

miércoles, 2 de junio de 2010

XOGOS TRADICIONAIS NO COLEXIO



















Os nenos e as nenas
de 6º curso de primaria recopilaron xogos tradicionais entre os seus coñecidos, e durante unha sesión de Educación Física ensinaronlles aos de 5º curso de primaria todos os que recolleran, aquí vedes as fotos desa tarde. Tamén fixeron unha ficha co debuxo e a descrición do xogo que aquí vos presentamos como foi na revista escolar.

lunes, 8 de marzo de 2010

AS NOSAS FONTES

Sociedade e costumes: as fontes e os pozos de auga

A abundancia de augas subterráneas propicia en Galicia a proliferación de fontes e pozos, que sempre deron unha fisionomía moi peculiar nos campos e nas moitas prazas e rúas de vilas e cidades.

As fontes son, tanto no medio rural coma no urbano, comunais ou públicas, de utilización conxunta por tódolos veciños. Nas aldeas son moi correntes as chamadas "fontes de cabaliño", cunha parede na que se encontran un ou dous canos de pedra. Adoitan estar rematadas por unha cruz ou dous pináculos e a auga é recollida no bebedoiro para servicio do gando.

As fontes noutros tempos.- As fontes, na actualidade, terminaron coa función que tiñan que desempeñar noutros tempos: abastecer de auga á poboación das vilas e aldeas. Cando a rede da traída de augas se foi instalando nas vivendas, a misión das fontes deuse por cumprida. Como a súa situación non era xeralmente en lugares adecuados para que serviran como elementos decorativos; por iso, a maior parte delas, hoxe son un mero recordo para as persoas de maior idade.

As fontes, tiñan, en xeral, un ou dous canos e a elas acudían toda a xente da zona en procura de auga. Ir buscar auga á fonte era un traballo diario e duro e significaba unha gran perda de tempo.

Os recipientes que se utilizaban para transportar a auga da fonte á casa eran bastante pesados, quizais pesara máis o recipiente que o peso neto en si; é dicir, a auga que levaba. Tratábase de caldeiros de aro, feitos dun material galvanizado polo xeral. Se a persoa que ía á fonte era adulta acostumaba levar dous caldeiros, un en cada man; e se se trataba de nenos levaban só un, que normalmente era enchido ata a metade da súa capacidade para alixeirar o peso. Ademais, o que pasaba era que se se enchía totalmente, a casa chegaba só a metade pois entre o movemento propios do andar e as paradas para descansar ó longo do camiño, a auga íase vertendo pouco a pouco.

Ademais dos cubos utilizábanse as selas de zinc (estas eran pouco pesadas) e as ferradas, é dicir, as famosas selas de madeira de teca e aros de metal amarelo (isto era especialmente cando os donos dos mesmos eran xente acomodada). Algunhas persoas levaban a sela tapada coa súa bonita e pesada tapa, tamén de metal. Dende logo, todos estes pesados obxectos, hoxe serven de elementos decorativos. Tamén se levában á fonte os chamados "bidóns" que tiñan máis capacidade, e xa se sabe a máis auga máis peso. (Estes bidóns servían de envase ó carburo). Estaban os bidóns normais, que eran caldeiros grandes, pero en forma de balde. Os bidóns e as selas, transportábanse na cabeza e era asombroso o equilibrio co que os levaban as mulleres que facían uso destes recipientes. Enriba da cabeza e debaixo dos mesmos poñían o que se chama o “molido” ou “rodal”, que viña a ser un real de tela retorcido e logo dobrado en forma de círculo. O “molido” era posto para protexe-la cabeza do roce que lles podían ocasionar as selas e os bidóns.

Para coller auga na fonte había que esperar a rolda, se é que alí había máis dunha persoa. O de "agora tocame a min" moitas veces, daba lugar a máis dunha discusión, xa que algunhas persoas en vez de esperar a súa quenda, trataban de adiantarse e as persoas que estaban esperando e que tiñan dereito a facer uso da fonte antes que elas non llo permitían. Se a persoa á que lle tocaba a quenda, tiña dous recipientes para levar e facía uso ó mesmo tempo dos dous canos, estaba exposto a oír unha reprimenda por parte de algunha das persoas que esperaba a vez, xa que segundo o horario desta nos se podían ocupar os dous canos, se non que había que deixar un libre e encher los dous recipientes no mesmo cano.En fin, nas fontes, como noutros sitios había xente de tódalas condicións. Persoas que non lles importaba ceder a vez, xa fora por bondade, xa porque non tiñan presa e pasábano ben conversando cos demais compañeiros. Outros por educación non recriminaban á que se colaba con toda a cara, sen esperar quenda, aínda que non por isto se deixaban pasar por parvos; de aí que lle dixeran "agora tócame a min, pero bueno". Logo habías as inconformistas que protestaban por todo... Pero non sempre había pelexas.

Como alí había que acudir tódolos días e ás veces varias veces o día, pódese dicir que tamén ir á fonte supoñía ir de reunión o xuntanza, pois mentres se esperaba a vez en algo había que pasar o tempo. As persoas que non tiñan a paciencia de esperar a súa quenda e que tampouco lles gustaba a xuntanza, acudían á fonte a primeiras horas da mañá ou ben a partir das doce da noite. Algunhas persoas tamén ían a esas horas, porque lles parecía unha baixeza ir á fonte e non tiñan os suficientes cartos para pagar unha "augadeira". As "augadeiras" é outro oficio, hoxe en día, xa desaparecido....

Cantas cousas poderían contarnos as vellas fontes, se puideran falar.

(DE MÓNICA BEATRIZ SUÁREZ GROBA)

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA: "GALICIA 2000: CULTURA POPULAR", XUNTA DE GALICIA.
Auga

A auga é un elemento de grande limpeza que segundo o seu estado pódenos liberar das enfermidades cutáneas (orballos), dos malos espíritos (auga bieita), e mesmo posúe poderes fecundativos (auga mariña). Só hai un tipo de auga refugada e que o saber popular soubo callar perfectamente ao dicir: "A chuva de Sanxoán, tolle o viño e non colle pan".

Nesta noite avívase e colle maiores virtudes a auga das fontes santas e milagreiras. Nesta noite esa auga vólvese como un remedio universal que compre aproveitar meténdose nela ou, sinxelamente, lavándose ás doce en punto da noite. Os doentes van tomar os baños a elas, sempre con coidado das bruxas e aparecidos.
O malo é que tamén as bruxas usan a auga destas fontes. Miden e reparten a auga de cada veciño, mais se queren mal a algún bótanlle a auga polo lombo. Outras veces lévana para prepararen os seus meigallos. Tamén din que se ao mencer tocan na auga, descobren os seus segredos e quedan limpas da bruxería. Non son somentes as bruxas das que din que andan soltas nesta noite milagreira senón tamén os feitizos, moitos dos cales non se deixan ver máis que na amañecida de Sanxoán. Por esta causa, o doente que vai tomar os baños nestas fontes tén que ter coidado de non se deixar levar do medo que lle poñan os aparecidos que de seguro vai atopar no camiño.
As tradicións populares non asumidas polo cristianismo foron combatidas por Martiño Dumiense, o bispo de Braga no século VI, máis non puido impedir que herdáramos costumes como a de ir por auga emanada de sete fontes para facer o cacho.
Nesta lúa nova de xuño están moi difundidos os baños a partir das doce da noite na auga do mar que, ademáis de purgar, ten propiedades preventivas (rica en iodo) e está impregnada por un senso libidoso de especial influencia nas parellas de noivos, quen adoitaban ir a facer o amor na escuridade nocturnal coa complicidade do luar. Lóxicamente, estes vínculos sexuais incidiron na crenza de que certas ondas do mar teñen propiedades fecundativas.
O caracter fecundador das augas ponse de manifesto sobre todo na tradición do baño das nove ondas, de forte tradición na praia de Lanzada, en Noalla - Sanxenxo. Ademáis de ser un rito manciñeiro e curativo do meigallo, é tamén un rito de fecundidade que fai concebir ás mulleres estériles. Hanse bañar compretamente espidas e as ondas que en realidade teñen valor, asegún dín, non son nove senón sete. O que pasa é que cóntanas de dúas a nove, contando as nove para colleren a onda grande, mais, en realidade, son sete as que toman.
Nun romance popular que data do século XVI, a sábia, que desenmeiga ás que eran víctimas do feitizo das meigas, ordénalles a purificación con estas palabras:
"Ide tomar nove ondasantes de que saia o díae levarédes con voscoas nove follas da oliva".
Noutro país celta, Irlanda, na súa xurisprudéncia disque a distáncia de nove ondas foi a que se estableceu entre inimigos, coma se coidasen que estas fosen abondo para os purificaen dos seus mútuos rancores. E, cousa singular, o primeiro que pronunciou esta sentencia foi o bardo Amergin, que segundo as mesmas lendas viaxou de Galiza a Irlanda.
As mesmas virtudes, e aínda maiores que as da auga desta noite, tén o orballo. Cecáis as das augas, as das herbas, as dos árbores, lles veñan do orballo, como indica a condición de deixar as cousas ó sereo.
Para curar a sarna, durmen os enfermos espidos, no médio do centeo, para colleren o orballo da noite toda; ou métense polas searas molladas á mañanciña, denantes de saír o o sol; ou embórcanse a esa hora na herba dos prados; ou refréganse contra dun carballo ás doce da noite, deixando a roupa pendurada nunha ponla.
O orballo desta noite dá virtudes, ou fai medrar as das herbas manciñeiras polo que, recollidas nese intre, son moito millores. Aínda acontece que o que non teña escrúpulos en se valer das forzas endiañadas pódese facer doadamente, nesta noite, cun demo familiar que o obedeza. Poñendo un lenzo de lamanisco por riba ou por baixo dun fento, atópao á mañá cheo de demos.

sábado, 6 de marzo de 2010

CURSO 2008-2009

Cousas varias do curso 2008-2009.-


martes, 17 de marzo de 2009

A RUTA DOS MUÍÑOS

Os tesouros do Río Xunco
A RUTA DOS MUIÑOS
(Sargadelos - Rueta)

Por: Mª Paz Rodríguez Silva
Xosé Manuel González-Copa
Durmidos á beira do Xunco, arrolados pola escuma, á sombra dos ameneiros, freixos e pradairos atopamos catorce muíños, catorce historias que imos espertar co fin de que non se perdan na memoria.
Se comezámo-lo percorrido no Paseo dos Namorados, baixando polo Camiño Real, a poucos metros da antiga fábrica de louza está o chamado “Muíño do verniz” por facerse nel os vernices para decora-las pezas. Algúns consideran que a fama da antiga louza debíase sobre todo ós vernices. Co paso do tempo Taladriz tirou este muíño e construiu unha central eléctrica, que recollía a auga na presa situada por detrás da Casa da Administración.
Unha fermosa ponte de pedra, cos seus correspondentes aliviadoiros, represaba a auga necesaria para os “Muíños de Pernán” tamén chamados “Muíños da Fábrica” por dedicarse a moer só para a xente que traballaba na fábrica e para os habitantes de Sargadelos. Consta de catro muíños cun enorme cubo situado na parte traseira da vivenda, característica pouco común nos muíños galegos.
O muíño do camiño do Rato está na marxe dereita do río,xusto por riba da presa do Mornelo. Non se aprecia cubo, se o tiña. Por atoparse a un nivel alto respecto ó río supoñemos que se podería surtir do regato dos prados situados máis abaixo da Pía do Xunco, aspecto que ninguén nos soubo aclarar.
O “Muíño do Mornelo”, aínda hoxe en perfecto estado, recibe o caudal por unha longa canle, na marxe esquerda, dende a presa do Rato. Chamáronse os “Muíños do Crego” e sabemos que Gradaille, cando veu para Cervo nas datas de construcción da estrada xeral, mercou este muíño. Moi preto do núcleo de Cervo forma conxunto coa súa panadería, lavadoiro, ponte e unha paisaxe poética.
Onde hoxe está situado o pub “O muíño” funcionou ata hai poucos anos o “Muíño da Ponte”, construído polo Sr. Díaz, alférez, que tamén construiu a primeira capilla da igrexa de Cervo. Tamén foi propietario e ampliouno D. Xosé Ron, cura que viviu na casa que aínda conserva a capela do San Antonio no Paraño. É coñecido polo “Muíño de Benito” por ser este o seu último muiñeiro, a quen vemos na foto manexando o volante para regula-la moa co fin de face-la fariña máis ou menos fina. Moía principalmente para Espiñeirido e Cuiña.
O “Muíño das Quintas”, feito por Correa, director da fábrica de Sargadelos na época de Ibáñez, en principio foi particular, máis tarde público moendo sobre todo para a Aldea (Cervo).
Na Fionza atopamos o “Muíño da Rubia” que moía preferentemente para Burela. Tiña vivenda para o muiñeiro e a súa familia.
Moi preto do anterior, pero á marxe dereita, están os “Muíños de Piñón” tamén chamados de Alexos. Eran bastante rápidos, o que permitía agardar pola muiñada.
Pasada a ponte da Salgueiriña, en Figuerido, atopamos os “Muíños do Cubano” situados nunha mesma canle, un a continuación do outro. Tiveron moita actividade, repartindo por Burela en cabalo ou en mula o moído.
O “Muíño de Pagadelo” era de rolda entre os seus propietarios de Daián. Era coñecido co nome de “Muíño do Piricaino”.
Poucos metros máis abaixo, tamén á esquerda, quedan restos do “Muíño do Saldoiro”. Era de rolda no que se deixaba a moer ata o día seguinte sen atendelo ninguén. Contan a anécdota que, en época de moita fame, unha noite desapareceu a fariña dun dos propietarios. No seu lugar estaba unha nota que dicía: ”A necesidade carece de lei, para o ano que vén xa cho devolverei”.
Ó ano seguinte apareceu a mesma cantidade.
Existen versións contradictorias deste feito situandoo algunhas personas no “Muíño de Ramiro”, moi preto de Rueta.
Tódolos muíños nomeados tiñan unha estructura básica similar á da figura.
Presentan certas diferencias nas culleres do rodicio, que podían ser en madeira ou en ferro, no número de moas, etc.
As pedras inferiores ou fixas, chamadas pé, eran de pedra do país feitas a maioría co granito de Pena Roma, en Daián. Aínda se atopan hoxe pedras que escacharon ó facelas en diversos lugares deste monte. A pedra volandeira ou capa, que xiraba sobre a fixa, era feita de distintos granitos según fose para facer fariña de trigo, centeo ou millo. Se era para trigo (muíño albeiro, coma o “Muíño de Pagadelo”) traíanas de fóra porque a pedra do país sacaba unha fariña máis escura.
Unha das tarefas máis delicadas para o bo funcionamento do muíño era o picado das moas que só o facían determinadas personas como Aleixos de Daián que picaba máis bravo (o tragante) hacia o centro e máis fino cara os bordes (o repaso) .
As xentes das parroquias que moían nestes catorce muíños mostraban as súas preferencias polo tipo de fariña que obtiñan ou pola cantidade de maquía coa que se quedaba o muiñeiro.
Arredor dos muíños existe toda unha cultura, lendas, muiñeiras, amoríos, etc. que agardamos sexa recollida noutros traballos que sirvan de complemento a este.
Queremos agradecer a tódalas personas de idade que fixeron un esforzo de memoria, en especial a Federico da Taberna, Manola de Villares (Quintas), Atilano, Laureano, Esther e Leonor (Daián), Piñón e a súa dona ( Paraño), Luz-nai de Amable (Fionza),... e a todos aqueles que aínda sexan capaces de imaxinar e sentir o balbordo da auga pasando polos rodicios dos muíños do recordo no noso Concello mentres escoitan unha muiñeira:
“Fun esta noite ó muíño
non moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo,
iso foi o que ganei.”

Toda esta fermosura
Imos deixar que se perda?

lunes, 16 de marzo de 2009

Os muíños



miércoles, 11 de marzo de 2009

OS MUÍÑOS DO RÍO XUNCO

Descrición do conxunto seguindo o curso do río dende Sargadelos ata Rueta.

En primeiro lugar atopámonos co Muíño de Vernices ubicado ás mesmas veiras do río Xunco, á altura das antigas fábricas de Louza. Posue unha presa que acumula a auga que se dirixe pola gavada ata chegar ó muíño. Posúe un aliviadeiro ó pe da presa, e outro ó chegar ó muíño.
Ó final da gavada, hoxe en día atopámonos coa cámara da turbina ubicada nas últimas épocas nas que a construcción tiña vida, e que anteriormente era o cubo dos muíños que alí houbo.
O muíño hoxe en día presenta dúas prantas en forma de ele máis a pranta do inferno (rectangular). Chama a atención o muro que vai ó son do río, pois está executado con pezas de cantería moi traballada, o que nos da idea da importancia que no seu día tivo esta construcción.
Na gavada encóntranse labradas nos seus muros de cantería uns canais, nos que supostamente se ubicaría a “grade” para evitar a entrada de ramaxe e obxetos que poderían estropear a maquinaría. Hoxe en día a turbina non existe. O canal de desaugue ata o río ten uns 20 metros de largo. No interior, hoxe en día non existe ningunha división. A cuberta é inexistente.
Se continuamos a nosa ruta ó longo do río, o seguinte que nos atopamos é a presa do Muíño do Pernán. Está feita en cantería coas pilastras de cantería e lousas de pedra granítica. No seu lado esquerdo (río abaixo) encontranse ubicadas unhas escaleiras que dan acceso o leito do río. A este memo lado atopamos o arranque da gavada con aliviadeiro. A gavada está inutilizada debido a gran cantidade de escombros acumulados e a vexetación que a invaden. No seu punto medio dispón dun pontigo que permite que o camiño existente a atravese.
Chegamos xa ó Muíño do Pernán. O conxunto formado polo muíño e a casa do muiñeiro xunto coa paisaxe que rodea ámbalas dúas construccións sitúano nun enclave excepcional é cuase único. Situado a medio camiño entre Sargadelos e Cervo.
O primeiro que nos atopamos é a presa, coroada por unha ponte de paso.Na marxe esquerda do río atopamos unhas escaleiras que dan acceso o leito do mesmo. A gavada iníciase neste punto. A medida que nos acercamos ó muíño río abaixo, observamos outras escaleiras que no seu día servían de acceso a unha zona de lavado no río.
Este muíño é unha edificación que non sufreu apenas modificacións ó longo da súa vida, mantén a estructura orixinal baseada en muros de carga sobre os que apoían os entramados horizontais e o tellado.
No complexo do muíño podemos observar:
-Corte para o gando que mantén a estructura habitual da vivenda tradicional galega, estando comunicada polo seu interior coa propia vivenda do muiñeiro.
-Vivenda do muiñeiro.- Aproveitando na súa pranta baixa o muro da gavada e sobre del levántanse os muros da pranta alta.Esta vivenda posúe: forno, lareira, etc. Tendo a súa zona de noite na pranta alta.
-Zona dos muíños.- Posúe arcos na saída do inferno, muro de contención da auga dun espesor de case tres metros, cubo de grandes dimensións. A pranta de tremiñados presenta catro moas que no seu día foron cinco, e restos dunha turbina hoxe en día desaparecida. Os arcos de saída do inferno están orientados cara o norte e o cubo ó sur.
Seguimos río abaixo e atopamos o Muíño do Mornelo. Este é un muíño de cubo que se atopa a uns 10 metros do leito do río. Hoxe en día atópase envolto por edificacións posteriores que cambiaron totalmente a súa estructura inicial. Na actualidade encóntrase ubicado nel unha panadería O muíño hoxe en día xa non se utiliza.
Uns 20 metros máis abaixo deste muíño, atópase a presa do Muíño de Benito. A gavada ubicase na marxe dereita (río abaixo). Aproximadamente no seu punto medio dispón dun pontigo que serve para supera-la mesma, a carretera que ven de Sargadelos ata o núcleo de Cervo.
O muíño de Benito é un muíño de cubo. O edificio no seu día contaba cunha pranta de tremiñados, (2 muíños), outra na que se ubicaba a cociña, e na pranta alta a zona de noite (encima da cociña), eo faiado (encima da zona de tremiñados).
Na actualidade, o aspecto exterior non variou prácticamente nada, mais no interior o que se fixo foi unha rehabilitación, convertindoo nun establecemento hosteleiro, pub. Ten un único arco de saída da auga (sartén) realizado en cantería.
Seguindo o percorrido, atopamonos co Muíño das Quintas, que hoxe en día non quedan practicamente restos que o idenfiquen como tal, xa que é utilizado como vivenda actualmente, e as fortes actuacións realizadas, cambiaron tatalmente a imaxe e funcionalidade da construcción.
Dos seguintes muíños, a excepción do do Cubano, que a continuación describiremos, imos dar una visión xeral común, posto que aínda que na súa época de apoxeo e funcionamento, a súas características podían ser sensiblemente diferentes, hoxe esto non sucede. O seu estado de deterioro é tan avanzado, que non podemos máis que dar unhas pinceladas xerales sobor deles.
Outra característica común de estes muíños son as gavadas de gran lonxitude que posúen entre os 300 e os 650 metros.
O Muíño do Cubano. Aínda que hoxe en día tamén foi absorvido moito do atractivo que esta
construcción puido ter no seu momento, polas diversas actuacións que sobre el se realizaron, podemos ver como se manteu perfectamente a gavada, o cubo, a zona de tremiñado e o lavadero. Chama a atención a solución adoptada para salvar o paso por debaixo da ponte da Salguiriña, xa que se construeu un arco de menores dimensións, única e exclusivamente para que a gavada pasara por debaixo da ponte.
Sen dúbida é outro dos muíños, que cunha actuación adecuada pode conseguir ter o atractivo e interese que xa de por sí posue e que hoxe en día está semioculto polas inadecuadas actuacións realizadas nel.

(Grazas a Emilio Casal e Ana Belén Romo)